Thursday 25 de April de 2024

Protección Civil estende dúas toneladas de sal na rede viaria para evitar a formación de placas de xeo


Os traballos localízanse principalmente nas parroquias de Montemaior, Soandres, Vilaño e Cabovilaño.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil activou un plan específico para reforzar a seguridade nas estradas municipais estendendo sal nos puntos da rede viaria máis propensos á formación de placas de xeo.

Ao longo da xornada de onte foron aportadas dúas toneladas de sal nas estradas situadas en zonas de interior, xa que son as que rexistran as temperaturas máis baixas, facendo ademais fincapé nas vías que presentan pendente e que, por tanto, son máis perigosas para a circulación nesas circunstancias.
As parroquias nas que se concentraron as intervencións foron Montemaior, Soandres, Vilaño e Cabovilaño. Nos próximos días continuarase realizando estas mesmas intervencións noutros puntos da rede viaria municipal que así o requiran.

O Concello agradece o labor dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil da Laracha polo traballo que desenvolven para beneficio xeral da cidadanía larachesa.